Martes 24 de marzo: Exposición de xogos antigos con XOTRAMU

 O pasado martes, 24 de marzo, un voluntario da Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta (XOTRAMU) levounos ao pasado dos nosos pais e avós (e dalgún de nós!) cunha exposición de xogos tradicionais. 


A exposición localizouse no Campo da Feira, e contaba cunha gran cantidade de xogos tradicionais, todos totalmente funcionais. Estivemos todos xuntos de 11:00 a 13:30, compartindo tempo de lecer, e intercambiando memorias pasadas dos máis maiores, sobre como usaban eses xogos para pasar o tempo na época na que ían ao colexio. 

Estes xogos non eran unha broma! A pesar de haber xogos máis lixeiros e inocentes, coma a bicicleta de madeira traidicional, había outros que requerían de práctica e, sobre todo, de moita paciencia, algo do que ás veces escaseamos nesta sociedade marcada polas présas. 

O bo tempo tamén nos acompañou neste día, o cal fixo que pouco a pouco se fosen achegando máis guitiricenses curiosos e con ganas de rememorar eses doces recordos. Moitas grazas a XOTRAMU por facernos pasar unha mañá chea de ledicia e diversión, e a todas as persoas que se achegaron a pasar un bo rato!

Comentarios